Dolores Vilavedra. Universidade de Santiago de Compostela. doi: /rcsxxi

Similar documents
COMO XOGAR A KAHOOT Se vas xogar por primeira vez, recomendámosche que leas este documento QUE É KAHOOT?

Síntesis da programación didáctica

R/Ponzos s/n Ferrol A Coruña Telf Fax

Narrador e Narradora Narrador Narradora Narrador

GUÍA DE MIGRACIÓN DE CURSOS PARA PLATEGA2. Realización da copia de seguridade e restauración.

Silencio! Estase a calcular

Acceso web ó correo Exchange (OWA)

the creation of the autonomous regions and the enactment of the Gali the status of the official language of the region and began to be taught in

Carlos Cabana Lesson Transcript - Part 11

Problema 1. A neta de Lola

Se (If) Rudyard Kipling. Tradución de Miguel Anxo Mouriño

Canon and Subversion: New Perspectives on Rosalía de Castro

Name: Surname: Presto= very fast Allegro= fast Andante= at a walking pace Adagio= slow Largo= very slow

O SOFTWARE LIBRE NAS ENTIDADES DE GALIZA

Projections of time in Cara Inversa (Inverse Face) Laura López Fernández Univ. of Waikato NZ

a) Japanese/English (difficult)... b) The weather in Africa/ the weather in the Antarctic (cold)... c) A car/ a bike (fast)

ProSpanish. Vocabulary Course. made easy by ProSpanish. ProSpanish

"Por" and "Para" Notes: 1. The written lesson is below. 2. Links to quizzes, tests, etc. are to the left.

AS EDICIÓNS INGLESAS DA POESÍA DE ROSALÍA DE CASTRO,

DSpace da Universidade de Santiago de Compostela

DSpace da Universidade de Santiago de Compostela

ROSALÍA DE CASTRO E A ESCRITA DA NOVA MULLER: ACHEGAS A UN POSÍBEL PARADIGMA AUTORIAL RETRUQUE AO RELATORIO DE PILAR GARCÍA NEGRO

1. Take today s notes 2. En silencio, sientate 3. Vamonos! In English, escribe about why time is important. Use the questions to prompt you.

Rosalía de Castro e a antropóloga feminista inglesa Annette Meakin. Catherine Davies

Second Language Anxiety and Task Complexity

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO CEIP DE CERVO 2014/15 PUCA QUERE SABER SOBRE

VIGOSÓNICO V C O N C U R S O V I D E O C L I P S Calquera proposta estética para o vídeo: cine, animación, cor, branco e negro,...

THEY BOTH MEAN FOR, BUT SO MUCH MORE! You cannot use them interchangeably, you have the learn the rules, when to use PARA, when to use POR!

Os silencios de O silencio redimido 1

Lingua e Docencia Universitaria V Xornadas sobre Lingua e Usos

A LINGUAXE E AS LINGUAS RAMÓN PIÑEIRO REVISITADO ÓS 30 ANOS DO SEU INGRESO NA REAL ACADEMIA GALEGA

2012 Molly Martin, MD. All rights reserved. docmolly.com

ÁMBITO DE COMUNICACIÓN Lengua extranjera: Inglés

Movemento feminista e crítica de literatura infantil en Galicia: unha cartografía

Estudos sobre. lingüístico no galego actual

Sobre o uso de cara a / cara na norma galega

Políticas e poéticas de segunda man: A espectralidade no proceso da tradución

As variantes gran e grande dentro da frase nominal

Blink: SIP conferencing done right Saúl Ibarra Corretgé AG Projects

Modelos matemáticos e substitución lingüística

Competencias docentes do profesorado universitario. Calidade e desenvolvemento profesional

ENTRE LÉRMONTOV E O GÓTICO DE FIN DE SÉCULO: AS DÚAS NOVELAS ÚLTIMAS DE ROSALÍA

Un breve percorrido por A Nosa Terra e El Pueblo Gallego ( ): lingua galega e compromiso

Translation and Literature 21 (2012)

DESFOCADOS. a distração programada da internet em N. Carr. Joana Rocha. Congresso de Cibercultura Universidade do Minho

UN NOVO INTENTO DE CLASIFICACIÓN DAS INTERFERENCIAS DO CASTELÁN SOBRE O GALEGO, COA PERSPECTIVA DO ENSINO PRIMARIO E SECUNDARIO Ó FONDO

A performance en Rompente. Alberte Valverde

PARTE I. VIVALDI: Concierto en MI M. op. 3 n.12

CREACIÓN DE PÓSTERS CON GLOGSTER. Miguel Mourón Regueira

EL SHOCK SENTIMENTAL. COMO SUPERARLO Y RECUPERAR LA CAPACIDAD DE AMAR (SPANISH EDITION) BY STEPHEN GULLO /CONNIE CHURCH

EL SHOCK SENTIMENTAL. COMO SUPERARLO Y RECUPERAR LA CAPACIDAD DE AMAR (SPANISH EDITION) BY STEPHEN GULLO /CONNIE CHURCH

Paper Reference. Paper Reference(s) 4440/01 London Examinations IGCSE Spanish Paper 1: Listening

Facultade de Fisioterapia

BOLETÍN GALEGO DE LITERATURA, nº 50 / 1º SEMESTRE (2017): pp / ISSN [Recibido, 9 marzo 2017; aceptado, 20 abril 2017]

SOÑAR SEN CANCELAS: MANUEL MARÍA E A CONSTRUCIÓN DUNHA EDUCACIÓN LITERARIA EN GALEGO

TRABALLO DE FIN DE GRAO

Sobre as subvencións públicas á tradución editorial galega ( )

Recensións. ACUÑA, Ana (2005): Xoán Vidal. Voz e memoria. Pontevedra, Concello de Pontevedra, 44 pp.

As pinturas non din non 1. Sol Worth

A (RE)ESCRITURA DAS MARXES. TRADUCIÓN E XÉNERO NA LITERATURA GALEGA 1 2

ÁLVARO CUNQUEIRO E A TRADICIÓN LITERARIA ANGLÓFONA

Metodoloxía copyleft en educación

Recursos para a clasificación da produción editorial na Galiza durante a etapa franquista: deseño e alimentación da base de datos 1

2.1. O PROXECTO LINGÜÍSTICO DE CENTRO

ÍNDICE ARTIGOS RECENSIÓNS

A noite branca, entre o documental e o ficcional: a memoria silenciada da División Azul

SECUENCIAS DE YOGA (SPANISH EDITION) BY MARK STEPHENS DOWNLOAD EBOOK : SECUENCIAS DE YOGA (SPANISH EDITION) BY MARK STEPHENS PDF

01 SOÑADORES O peche do Cine Soñadores

A avaliación formativa: un desafío para o ensino universitario

PRECARIEDADE E PERFORMATIVIDADE. Introdución ao pensamento de Judith Butler Beatriz Hauser

BILINGÜISMO, DESENVOLVEMENTO E APRENDIZAXE ESCOLAR: UNHA PROPOSTA DE INTERVENCIÓN NA ESCOLA

O uso de construcións con verbos soporte en aprendices de español como lingua estranxeira e en falantes nativos

Grammar Appendix Grammar Review

Evaluación final 4.º ESO CUADERNILLO. Competencia lingüística en inglés LA INFORMACIÓN DE ESTE RECUADRO DEBE SER CUMPLIMENTADA POR EL CENTRO

SOCIEDADES MULTICULTURAIS, INTERCULTURA- LIDADE E EDUCACIÓN INTEGRAL. A RESPOSTA DENDE A EDUCACIÓN PERSONALIZADA

Guía para autoarquivo en Minerva Repositorio Institucional da USC. 16/04/2018 Biblioteca Universitaria da USC

A INTERFERENCIA FONÉTICA NO ESPAÑOL DA CORUÑA. A VOCAL [o] TÓNICA. Sandra Faginas Souto 1 Universidade da Coruña

A tradución literaria en Galicia na ditadura ( ), un desafío á lóxica dominante. A primeira tradución de Platero ao galego

DETERMINANTES SOCIOECONÓMICOS DA LINGUA: O CASO DO GALEGO

AP Spanish Literature 2001 Scoring Commentary

A busca de identidade: A relación entre sexo e xénero n A semellanza de María Xosé Queizán

María Comesaña Besteiros

O cerebro luminoso dunha novelista transcendente: a propósito de El Caballero de las botas azules

ESCOLA ESTADUAL DR. JOSÉ MARQUES DE OLIVEIRA - ANO 2016 TRABALHO DE ESTUDOS INDEPENDENTES

A colección O Roibén, vieiro de expresión poética do Grupo Bilbao

O ESTUDO DA INFANCIA E DA ADOLESCENCIA DESDE A PERSPECTIVA HISTÓRICO-EDUCATIVA. PERFÍS POSÍBEIS PARA A INVESTIGACIÓN ACTUAL

Galicia 21. Journal of Contemporary Galician Studies Issue C. 2011

Recursos para a lingua

Xogos e obradoiros sobre o cambio climático que Climántica desenvolve en centros educativos

C A D E R N O S D E L I N G U A

O PROBLEMA DO COÑECEMENTO

Reflexións sobre a tradución de María Mariño Carou ao inglés. Kathleen March

Vigil at Goldfish Pond Lynn MA June 19, 2016 Poem by Rosemie Leyre. I grieve We grieve

Unha nova volta ás cartografías da cultura galega: lecturas posnacionais, lecturas relacionais 1

Reflexións sobre a situación sociolingüística galega dende o paradigma da complexidade

OBSERVACIÓNS SOBRE AS ACTITUDES E OS COMPORTAMENTOS RELATIVOS ÓS CAMBIOS DE CÓDIGO EN SANTIAGO DE COMPOSTELA *

Migracións de Rafa Villar. Unha análise temática. Olalla Lamela Rodríguez

2011, as letras da escuridade. Aproximación á figura de Lois Pereiro

Exilio, literatura e nación. Xoán González-Millán

Leopoldo Pedreira Taibo, intuición historiográfica e virulencia crítica

Transcription:

NÓTULAS PARA UNHA INTERPRETACIÓN INTEGRAL DA OBRA ROSALIANA: A «QUESTIONE DELLA LINGUA», O PROBLEMA DA(S) LINGUA(S) RETRUQUE AO RELATORIO DE XESÚS ALONSO MONTERO Dolores Vilavedra Universidade de Santiago de Compostela doi:10.17075/rcsxxi.2014.018

Álvarez, R. / A. Angueira / M. C. Rábade / D. Vilavedra (coords.) (2014): Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega. doi:10.17075/rcsxxi.2014. pp. 335-348 DA NECESIDADE DUNHA BIOGRAFÍA LINGÜÍSTICA ROSALIANA A intervención do profesor Alonso Montero comeza cunha reivindicación da crítica biográfica, que se revelou especialmente útil no caso rosaliano, e fai fincapé na necesidade de afondar no que poderiamos denominar a súa biografía lingüística. Endebén, a primeira cuestión sobre a que Alonso se/nos interroga vai máis alá da biografía puramente individual para tentar dilucidar «en que lingua falaban habitualmente os protagonistas dese acontecer cultural» ao que adoitamos denominar Rexurdimento 1. Mais a resposta que debulla o profesor non me parece que achegue unha información relevante para entendermos mellor o caso rosaliano pois o habitual na intelligentsia galega daquel tempo era vivir instalados no castelán e só puntualmente empregar o galego como lingua de expresión escrita, situación esta que ademais como sabemos se prolongou durante ben tempo. Nisto Rosalía non era diferente dos demais, dos Aguirre, Camino, Añón, Compañel, etc. Fose quen fose a persoa que dese o paso adiante, que tomase a decisión de publicar un libro en galego, había de ser alguén que vivise nesa esquizofrenia lingüística. Porén, si que a información biográfica pode deitar moita e valiosa luz sobre o uso do galego como lingua literaria rosaliana: cales foron as súas fontes de aprendizaxe, como manexa a escritora o que para ela sería case con toda seguridade un idioma cun único rexistro (o popular), como isto inflúe na súa escrita, etc. Algunhas destas cuestión serán abordadas neste congreso e corroborarán quizais as miñas hipóteses. E se cadra, esas cuestións explican, tanto ou máis que a influencia de Murguía, as modas da época e outros argumentos que adoito se empregan para xustificar o que Alonso denomina «proeza» rosaliana: a decisión de escribir e publicar os Cantares en galego. Teño para min que a pregunta que cómpre facérmonos non é por que Rosalía emprega o noso idioma, senón se Rosalía podería escribir outro libro que non fose Cantares cando iniciaba a súa andaina procu- 1 Alonso Montero argumenta a prol da necesidade de substituír o termo Rexurdimento polo de Xurdimento. Non entrarei aquí neste debate que debería ser obxecto de atención noutro momento. 337

Dolores Vilavedra rado novos camiños expresivos no seu afastamento do castelán como lingua de expresión literaria. Dito doutro xeito, tiña Rosalía, nos comezos da década dos 60, competencia lingüística en galego para facer unha obra diferente? (e reparen, insisto, en que falo de competencia lingüística, non de madurez vital nin nada polo estilo: tento expor o asunto como unha cuestión estritamente lingüística, tal e como fixo o profesor). A miña hipótese é que seguramente non, que Rosalía fai Cantares entre outras razóns porque era case o único que naquel momento podía facer, con esa ferramenta idiomática coa que estaba empezando a traballar. Esa Rosalía que aprendera o galego de nena, xogando no eixidiño coas outras picariñas, coas criadas da casa e coa familia do pai en Ortoño, tiña de certo unha competencia no uso do galego oral se cadra non tan habitual nos escritores do seu tempo. Niso si que era diferente de moitos escritores rexurdimentistas. Unha vez posta a proba esa competencia nos Cantares, Rosalía irá indo a máis, irá ousando medir as súas forzas poéticas coas capacidades expresivas do idioma, dun idioma que non o esquezamos aprendera de oído: de aí, desa ousadía, xorden tamén as novidades métricas de Follas novas. Da libérrima creatividade dunha escritora que non poetiza enxustillada por ningunha tradición, e que descubre as posibilidades rítmicas dun idioma que ten, se cadra sen ela sabelo moi ben ata entón, plenamente interiorizadas. Sobre estes asuntos cando, onde, como e con quen aprendeu Rosalía o galego podería deitar luz un mellor coñecemento da biografía rosaliana, e serán os colegas lingüistas os que nos axuden a valorar os avances no manexo da ferramenta idiomática que testemuña Follas en relación a Cantares. Volvo á Rosalía, meniña a xogar no eixidiño padronés. Ela tamén é Rosalía, como Alonso Montero é tamén aquel neno de Ventosela ao que súa nai lle preguntaba nunha fonda se quería máis caldo, e arrubiaba por ter que contestar en galego diante dunha guapa mociña que sentaba nunha mesa próxima. Polo tanto, a muller que escribe Cantares gallegos non é só, como di o profesor, unha «fidalga moi instruída e casada cun erudito». É tamén aquela meniña, e por iso canta «na lengua qu eu falo» (poema I), na lingua que de certo usaba aquela cativa en moitos momentos de socialización infantil. Unha lingua aprendida só na escola «dos nosos probes aldeáns, guiada sólo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan doçemente resoaron nos meus oídos 338

N Ó T U L A S P A R A U N H A I N T E R P R E T A C I Ó N I N T E G R A L D A O B R A R O S A L I A N A : A «Q U E S T I O desde a cuna e que foran recollidos polo meu corazón como herencia propia» 2, como di no seu limiar. Falei antes de esquizofrenia, quizais poderiamos facelo de alteridade, para retrucar o concepto de heteronimia que semella preferir o profesor: certamente hai moitas rosalías; tantas, polo menos, como voces en Cantares, mais todas son unha, se damos por boa unha certa identificación entre Rosalía e a meniña gaiteira, identificación avalada pola insistencia desta na súa falta de graza («Eu cantar, cantar, cantei / a grasia non era moita, / que nunca (delo me pesa) / fun eu meniña grasiosa» ou «Cantei como mal sabía / dándolle reviravoltas, / cal fan aqués que non saben / direitamente unha cousa», no poema 35), semellante á que a propia escritora expresa no limiar ao poemario, ou por chiscadelas biográficas como o cantar en que describe a romaxe da Nosa Señora da Barca, na que sabemos que participou. Resúltame problemático o concepto de heteronimia, polo que ten de construción consciente dunha identidade ficticia. Porque eu penso, como se verá máis adiante, que se por algo loitou Rosalía foi por ser ela mesma ou, máis ben, por tentar ser o que de verdade quería ser. Iso si, todas esas rosalías móvense basicamente polas terras da Maía e de Padrón: as que aquela meniña coñeceu e que aparecen na súa memoria indisolublemente vencelladas ao idioma galego. Porque, como don Miguel de Unamuno soubo ver, citado por Alonso, Rosalía sempre foi unha aldeá que levaba «la vega de Padrón en el alma». CANTARES GALLEGOS, PRIMEIRO PASO DUN PROXECTO AUTO- RIAL E LITERARIO Son moi interesantes as consideracións de Alonso Montero verbo do proceso de composición de Cantares e dunha hipotética segunda parte para a que supostamente Rosalía comporía os catro poemas que logo se engaden na edición de 1972. Pero resulta que nesta se anuncia xa a publicación de Follas novas. Murguía di que o groso deste volume foi composto entre 1870 e 1871, Alonso concorda e un estudo pormenorizado da cuestión (vid. Monteagudo / Vilavedra 1993) 2 Todas as citas de Cantares gallegos remiten á edición de M.ª Xesús Lama (Galaxia, 1995). 339

Dolores Vilavedra avala a idea de que o libro estaba listo para unha publicación inminente en 1874. Como ben dixo o meu ilustre predecesor, dende 1865 «a nosa escritora fai incursións poéticas en eidos alleos ós de Cantares gallegos», referíndose ás traducións ao galego de 25 «cantares» e do poema «Ruínas» de Ventura Ruiz Aguilera, traducións que este inclúe no seu libro Armonías y cantares (1865). Efectivamente, e como xa apuntei con anterioridade, por aqueles anos ela empeza a estar xa noutra cousa: medidas as súas forzas, e as posibilidades do idioma, Rosalía quere ir máis alá. A súa ambición creativa afástaa desa sorte de autoplaxio que sería facer unha continuación de Cantares e lévaa a buscar outras musas coas que dialogar dende ben antes da data en que a relativamente serodia publicación de Follas podería indicar un cambio de rexistro. Que a tradución de «Ruinas» fose de encarga non quita nin pon: o certo é que demostra que Rosalía está a visitar con fortuna outros territorios poéticos. Nada disto se contradí, logo, coa miña proposta de ler os Cantares gallegos como un primeiro paso dunha nova etapa literaria e de interpretarmos Rosalía como unha autora lanzada a un camiño de busca de vías de expresión artística coas que puidese sentirse realizada. Efectivamente, na miña opinión, a questione della lingua en Rosalía está indisolublemente vencellada á cuestión do seu proxecto autorial e literario, que xa foi abordada por min noutras ocasións (Vilavedra 2012) e sobre a que voltaremos axiña. Non resulta logo tan estraño que a escritora empezase a súa andaina literaria en galego apoiándose nos cantares populares, un modelo literario que coñecía á perfección pois cónstanos a súa implicación nas tarefas murguianas de recollida de material folclórico (vid. sobre a cuestión a intervención do meu predecesor, e tamén Barreiro Fernández 2012: 395-401, onde sinala o interese de Murguía pola literatura popular xa desde 1858, en tempos do seu contacto co círculo de intelectuais agrupado arredor de El Museo Universal) e que demandaba un rexistro lingüístico que tamén ela dominaba, cando menos no plano da oralidade. Mais tamén resulta verosímil que a inqueda Rosalía quixese evoluír literariamente, igual que o facía vital e intelectualmente. Se Cantares é só un primeiro paso na súa andaina artística, como estou tentando demostrar, e non a cifra da obra rosaliana, enténdese mellor: Que a escritora renuncie a publicar unha posible segunda parte que de certo para ela non supuña ningún desafío mais que si suporía éxito e ingresos para os seus axentes literarios Murguía e Compañel. Concordo coa pormenorizada 340

N Ó T U L A S P A R A U N H A I N T E R P R E T A C I Ó N I N T E G R A L D A O B R A R O S A L I A N A : A «Q U E S T I O análise que fai o profesor do proceso de edición de Cantares, na que se detén nunha misteriosa folla de apertura na que consta «Primeira parte» na edición de 1863 pero que non vai seguida de ningunha «segunda parte» (nin nesta nin da de 1872). Secomasí, nalgún momento debeu haber algún plan de facela porque nos anuncios da saída de Follas novas dise: «En el notable libro, cuya aparición anunciamos, termina y completa su autora la obra patriótica con tanta fortuna iniciada en sus Cantares gallegos y con tan feliz éxito coronados» (La Ilustración Gallega y Asturiana, 8 de maio de 1880), frases que se reproducen na mesma publicación, con data do 28 de setembro. A terminoloxía por min subliñada non é casual, e apunta a que Follas viña pórlle o ramo a un proxecto literario xa iniciado, o de Cantares. Isto resulta coherente coa demora de publicación de Follas que, se realmente estivese pensado como hipotética segunda parte de Cantares, debería terse publicado ben antes e non case 20 anos despois. Mais Follas é xa algo ben distinto dentro do proxecto literario rosaliano. Enténdese mellor tamén que Rosalía planifique empregar o galego para outro proxecto literario que SI supuña unha evolución, un novo desafío artístico, en relación ao seu primeiro poemario galego. Refírome ao emprego do galego na prosa ficcional. Xa no poema 25 de Cantares Rosalía pon unha nota a rodapé na que recoñece o carácter narrativo da composición e manifesta que «polo d ahora non penso facer en gallego nengún libro de contos» (e repárase na expresión temporal: está claro que Rosalía especulaba con esa idea). Pois ben, hoxe sabemos, grazas a investigacións recentemente dadas a coñecer (Torres Regueiro), que o «Conto gallego» publicado en El Avisador en 1864 é obra de Rosalía. O interesante é que ese conto aparece a seguir do título xenérico Contos da miña terra. I 3, o que parece indicar que abriría unha serie que logo non tivo continuidade, serie da que podería quizais formar parte tamén «El cadiceño» (Almanaque de Galicia, 1866) e tamén quizais o polémico e hoxe perdido «El codio». Se temos en conta o xa comentado sobre o coñecemento que Rosalía tiña da literatura popular, non semella logo disparatado imaxinar unha evolución natural do emprego do galego de Cantares ao seu uso en narracións populares do tipo do «Conto gallego». Os longos poemas narrativos e dialogados de Cantares poden 3 Este mesmo encabezamento mantense na edición de El Eco Ferrolano de 1868. Será moito inferir de aí que o proxecto da serie seguía daquela aínda en pé? 341

Dolores Vilavedra ser vistos neste sentido como unha transición. Cómpre aínda resolver moitos enigmas relacionados co proxecto dos Contos da miña terra, mais esperamos que pouco e pouco se vaia deitando luz sobre unha das facetas creativas de Rosalía menos coñecidas. Formulado como unha primeira experiencia artística, resulta natural que poidamos detectar xa en Cantares anuncios dunha nova sensibilidade, dunha nova estética por explorar. Penso no poema 26 (que, por certo, tan ben musicou e canta Roi Casal), onde Rosalía se afasta radicalmente do cantar glosado para explorar un novo ambiente bretemoso, habitado por ninfas, por lirios e pasionarias (que substitúen as «azucenas» de Cantares), cunchas de nácara, olmos (como os do poema «Xigantescos olmos, mirtos / que brancas frores ostentan», poema VII de «Varia», libro III de Follas) e no que ecoan arpas. Un mundo poético, en fin, máis propio de Follas que de Cantares, emparentado, na miña opinión, con textos como «Corré serenas ondas cristaíñas» (poema VI de «Do íntimo!», libro II). E ao revés, hai poemas de Follas que claramente poderían ter formado parte da xa mentada e hipotética segunda parte de Cantares, como «Maio longo» ou «Vamos bebendo». Se, como di Xesús Alonso Montero, «o esencial do segundo libro galego de Rosalía estaba escrito en 1872», hai tamén razóns cronolóxicas que avalan a necesidade de reler ambos poemarios máis por xunto, de velos máis en relación, no canto de interpretalos como obras radicalmente afastadas, estética e temporalmente; en resumo, estou a propor tratalos como etapas dunha particular evolución artística, no canto de valoralos como fitos singulares. Sería interesante saber se a evolución lingüística de Rosalía entre un e outro poemario avala tamén esta idea. A CUESTIÓN DA DIMISIÓN ROSALIANA, UNHA VEZ MÁIS Na historia do rosalianismo foi polémica a abordaxe que o profesor Alonso Montero fixo da cuestión da decisión da escritora de abandonar o galego como lingua de expresión literaria considerándoa en termos de dimisión. Este seu particular punto de vista expúxoo xa nunha fundamental monografía publicada en 1972 (vid. Alonso Montero) e revelouse altamente estimulante como ferramenta 342

N Ó T U L A S P A R A U N H A I N T E R P R E T A C I Ó N I N T E G R A L D A O B R A R O S A L I A N A : A «Q U E S T I O de análise dialéctica, mesmo para quen non concorda co enfoque e conclusións do profesor. Desta volta, Alonso Montero alicerza a súa argumentación nunha suposición: «Hai que supoñer que Rosalía non é optimista sobre o futuro do idioma». Coido que aquí incorre o profesor no anacronismo de contemplar o asunto con ollos de hoxe. Como cómpre entender daquela, en 1880, cando a escritora asina o prólogo de Follas, ese hipotético optimismo? Paréceme a min que había aínda moito camiño por recorrer, e que os pasos que xa se foran dando, se ben non invitaban a elaborar unas expectativas moi alentadoras, tampouco convidaban ao contrario. E se efectivamente Rosalía percibiu, coa publicación de Aires da miña terra 4, «un reforzo na construción do discurso literario galego», isto non debía disuadila da súa renuncia: é perfectamente posible unha interpretación á inversa, isto é, que Rosalía, ao constatar que había continuadores, que outros podían levar a bandeira que ela erguera, se sentise liberada do compromiso de escribir en galego (ou, dito coas súas verbas, «pagada xa a deuda en que me parecía estar coa miña terra») para dedicarse a facer, literariamente, o que lle petase: por exemplo, escribir e publicar en castelán ou volver expresarse literariamente en galego se o editor aceptase as súas condicións ou o «apurado de las circunstancias» a obrigasen a tal cousa (vid. a famosa carta a Murguía do 26 de xullo de 1881). Ignoramos que tería acontecido de vivir Rosalía máis tempo. Repárese, por outra banda, en que as tales condicións non tiñan por que ser estritamente económicas («ni por tres, ni por seis, ni por nueve mil reales» por canto entón?) senón que podían atinguir cuestións de prazos, formato, calidade ou distribución da edición; de feito, contra o remate da carta, Rosalía fala de novo de «las condiciones que le he propuesto» a un editor que «ha tenido a bien acordarse de mí», isto é, foi o editor quen contactou con ela para solicitarlle material. No seu conxunto, a abordaxe do asunto por parte da escritora soa máis a consideracións profesionais pola súa banda que a arroutada de artista caprichosa. 4 Aires debeu saír despois de marzo (pois a Curros deulle tempo a inserir un poema en memoria da súa nai, que morre a primeiros dese mes) e antes do 26 de setembro, cando temos constancia da primeira recensión (o que non quita que poida aparecer algunha anterior; vid. López Varela: 1502). Con esta cronoloxía tan axustada, paréceme difícil que a publicación de Aires influíse na decisión lingüística que Rosalía manifesta no limiar de Follas, tal e como parece apuntar o profesor Alonso Montero; en todo caso, serviría para que se afirmase nela en 1881, tras a reacción provocada por «Costumbres gallegas». 343

Dolores Vilavedra É ben curioso constatarmos como é a propia rosalianística a que a miúdo se detén en Follas novas e dá por rematada aí a súa tarefa interpretativa, sen ver máis alá, sen reparar en que, nos anos seguintes, a Rosalía escritora segue a producir e a publicar, a procurar novos camiños, transitados xa os que a levaran pola poesía en castelán (dende 1857 e ata 1884), pola prosa en galego (dende a publicación do «Conto gallego» en 1864), pola prosa en castelán (entre 1858 e 1881), pola poesía en galego (de 1863 a 1880) e mesmo por unha vía intermedia ou de síntese, a da prosa en castelán de temática galega (dende «El cadiceño» en 1866 ata 1881, co desaparecido «El codio»). Certamente a crítica ignorou en moitas ocasións boa parte da produción rosaliana, por desconcerto ou por prexuízo, por non saber que facer con textos que aparentemente non encaixan na imaxe estereotipada dunha escritora supostamente coherente, sen decatarse de que xustamente ao contrario, o corpus rosaliano gaña en coherencia cando se contempla no seu conxunto. Eses silencios facilitan, como xa tentei amosar noutro lugar (Vilavedra 2012: 45), a manipulación da obra rosaliana para «hacer posible la continuidad de determinadas interpretaciones que encajan en la ortodoxia ideolóxica (ya sea nacionalista o feminista) e historiográfica». Alonso Montero afirma no seu texto que «a decisión de arriar a bandeira [ ] está intimamente vencellada ó contexto da época», contexto en que el considera que desempeñou un papel clave non podía ser doutro xeito a poderosa figura de Murguía. Pois ben, pola miña banda, eu fago unha interpretación en termos moitos máis individualistas. Coido que o que Rosalía quería ser, ela mesma, alén do que os Murguía, Compañel, Chao, etc. tivesen pensado para ela, era ESCRI- TORA e que todas e cada unha das súas decisións deben ser interpretadas tendo en conta este desexo. Enténdese así mellor a súa inicial aposta pola narrativa en castelán, como non podía ser doutro xeito, un proceso non exento de dúbidas e inseguridades (Flavio é un «ensayo de novela»; El caballero un «cuento extraño»; varias desas obras van asinadas total ou parcialmente con iniciais) e a súa viraxe cara á poesía en galego. Esta viraxe foi, na miña opinión, motivada pola excentricidade 5 dun corpus (o da súa narrativa en castelán) que abría unha fractura 5 Para unha interpretación da obra e a figura rosalianas en termos de tensión centro/periferia, vid. Vilavedra 2012. 344

N Ó T U L A S P A R A U N H A I N T E R P R E T A C I Ó N I N T E G R A L D A O B R A R O S A L I A N A : A «Q U E S T I O lingüística nos aínda moi precarios alicerces da re-nacente literatura galega e que transgredía de xeito radical as convencións tipolóxicas da narrativa de autoría feminina daquel tempo. Polo tanto, se o que parecía ser a primeira opción da Rosalía-escritora (logo dos inevitables poemarios de mocidade) non lle servía para construírse como suxeito social nin como suxeito individual, a poesía en galego xurdía como unha alternativa. Así, ao experimentar cun novo idioma de expresión literaria, Rosalía tentaba rachar co limitado das opcións artísticas e vitais que se lle presentaban como narradora en castelán, e afirmarse como muller escritora (ou sexa, como individuo) e como ser social (ou sexa, como escritora galega). A unha muller coma ela, condenada a vivir nas fronteiras identitarias, a literatura permitíalle construír «un yo alternativo que compensa las inseguridades y contradicciones de su propia existencia social» (Kirkpatrick: 231), aínda que fose tamén causa de conflito e escisión vital. O cambio de lingua e de xénero supuña de certo pagar un prezo. Por exemplo, a mudanza de receptores potenciais, co custo que sen dúbida isto ten para calquera escritora: un custo do que Rosalía era plenamente consciente cando afirma no limiar de Follas novas que «as multitudes dos nosos campos tardarán en ler estes versos, escritos a causa delas pero só en certo modo pra elas». O feito de que Rosalía amosase xa no antedito limiar a súa vontade de abandonar o galego como lingua de expresión literaria demostra que ese abandono non foi unha resposta emocional 6 aos ataques recibidos en 1881, senón unha decisión meditada durante un longo período de tempo e un acto de libérrima elección por parte dunha creadora que, se cadra, non se sentía cómoda coa súa utilización como instrumento político dun rexionalismo que a enxustillaba en determinados modelos literarios e limitaba o seu proxecto de exercer como muller escritora. A decisión rosaliana de non volver escribir en galego podería ter mudado, como mudou axiña a de «no volver a coger la pluma para nada que pertenezca a este país». Como di Alonso, «Rosalía dimite a medias» pois «non se desentende de determinados problemas do país». E se o profesor esgrime como argumentos a prol desa dimisión a medias os poemas «Los robles» e «Volved» de En las orillas del Sar, eu sírvome de «Padrón y las inundaciones» (publicado en 1881 no suplemento «Los lunes» de El Imparcial e en La Ilustración Gallega y Asturiana) 6 Así a considera, por exemplo, Francisco Rodríguez (2011: 488-90). 345

Dolores Vilavedra e «Domingo de Ramos» (publicado ese mesmo ano como apéndice de El primer loco e por entregas en El Imparcial, aínda que probablemente haxa que lelo formando serie con «Padrón y las inundaciones» e con «Costumbres gallegas» pois, de feito, subitúlase así 7 ). En todo caso, o seu regreso á poesía en castelán é a proba definitiva da súa heterodoxia vital e unha radical declaración de independencia que nos trae á memoria a vehemente afirmación dos Lieders «Soy libre!», como tamén o é o seu regreso á prosa ficcional con El primer loco, unha obra que, como a crítica xa demostrou reiteradamente (vid. por exemplo González Millán), supón un claro desprazamento cara á periferia dos modelos literarios da época. O que Rosalía nos está a dicir nesta etapa final da súa produción é que se a literatura galega quería construírse contando con ela e a súa obra, tería que asumir a complexidade, a heterodoxia e mesmo unha certa esquizofrenia (e volvemos así ao comezo desta miña intervención). Igual que as mudanzas de xénero ou lingua de expresión literaria, o silencio final de Rosalía, elocuente tamén na ausencia de reflexións paratextuais (sendo como era tan dada a elas) en En las orillas del Sar e El primer loco, así como a súa orde de poñer lume aos seus inéditos son froito das tensións padecidas por ela, como muller, escritora e galega ao longo da súa vida, e un derradeiro xesto de resistencia aos previsibles intentos de manipulación da súa obra. 7 M.ª do Cebreiro Rábade (2012) expón a hipótese de que a súa localización como apéndice de El primer loco podería interpretarse como unha estratexia por parte da autora «de restauración pública da súa propia imaxe», por mor do tema (lembremos: o costume nalgunhas comarcas galegas de que as mulleres portasen palmas o domingo de Ramos para simbolizar publicamente a súa virxindade), logo da malfadada polémica causada pola cuestión da «prostitución hospitalaria». Ao mesmo tempo, ficaría minguado «o sentido político da acusación á deforestación» practicada no bosque de Conxo que contén El primer loco. 346

N Ó T U L A S P A R A U N H A I N T E R P R E T A C I Ó N I N T E G R A L D A O B R A R O S A L I A N A : A «Q U E S T I O REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS Alonso Montero, X. (1972): Rosalía de Castro, Madrid, Júcar. Barreiro Fernández. X. R. (2012): Murguía, Vigo, Galaxia. González Millán, X. (1986): «Proceso textual y fantasía en El primer loco», en Actas do Congreso internacional de estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega / Universidade de Santiago, I, 518-522. Kirkpatrick, S. (1991): Las románticas. Escritoras y subjetividad en España. 1835-1850, Madrid, Cátedra / Universidad de Valencia / Instituto de la Mujer. Lama López, M.ª X. (1995): «Introdución», en Rosalía de Castro, Cantares gallegos, Vigo, Galaxia, 11-119. López Varela, E. (1999): A poesía galega de Manuel Curros Enríquez, II, A Coruña, Deputación. Monteagudo, H. / D. Vilavedra (1993): «Introducción», en Rosalía de Castro, Follas novas, Vigo, Galaxia, 9-103. Rábade Villar, M.ª do C. (2012): «Bosques de texto. Rosalía e a lóxica da sensación», Derritaxes, 10 (http:// proxectoderriba.org/bosques-de-texto-rosalia-de-castro-e-a-loxica-da-sensacion/). Rodríguez, F. (2011): Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, [A Coruña], AS-PG. Torres Regueiro, X. (2012): «O Conto galego de Rosalía. Unha edición ferrolá asinada pola autora en 1868», Grial, 195, 118-123. Vilavedra, D. (2012): «Rosalía de Castro: escribir desde la(s) frontera(s)», en H. González Fernández / M.ª do C. Rábade Villar (eds.), Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro, Barcelona, Icaria, 45-60. 347